Thursday 02 de May de 2024

A Coruña presenta o seu proxecto de cidade intelixente na feira mundial de smart cities en Barcelona


A cidade contará, por primeira vez, cun posto propio, no que dará a coñecer os proxectos que se están a levar a cabo na cidade

O Concello estará presente na feira mundial de smart cities, Smart Cities World Congress, o evento internacional máis importante sobre cidades intelixentes, que se celebra dende mañá ata o xoves en Barcelona. Coruña Smart City contará, por primeira vez, cun posto propio, no que, acompañado polas empresas que están a desenvolver o proxecto de cidade intelixente, dará a coñecer ao mundo as solucións innovadoras que se están a levar a cabo na cidade para mellorar a vida dos cidadáns.
A Coruña é unha das 400 cidades do mundo que participan neste espazo instalado na Feira de Barcelona, unha das 400 urbes á vangarda no mundo das novas tecnoloxías aplicadas á mellora dos serivicios e do benestar dos seus cidadáns. Unha canle, ademais, para conectar ás empresas e favorecer o seu desenvolvemento, e tamén para establecer contactos con outras cidades de cara a futuros desenvolvementos innovadores conxuntos.
No posto, participan, ademais do Concello da Coruña, encabezados polo seu alcalde, Carlos Negreira, a empresa municipal Emalcsa; as catro empresas que compoñen a UTE encargada de desenvolver a plataforma tecnolóxica Altia, Indra, R e Ilux, e as empresas que están a traballar no desenvolvemento dos proxectos piloto:Balidea, Gadd Grupo Meana, Século 21, Técnicas de Soft, Ecomt,Prodevelop, Macraut, UTE Rego Coruña (Macraut-Sogesel) e a UTEcomposta por Treelogic e Ingeieros Asesores.
O alcalde, Carlos Negreira, foi, ademais, un dos convidados a participar nos relatorios que se celebrarán ao longo dos tres días de congreso. Será o encargado de falar sobre a rexeneración económica das cidades o mércores 19, nunha charla na que será o único alcalde europeo que afonde no novo modelo de cidades intelixentes.
O proxecto de Coruña Smart City, iniciativa do Concello da Coruña e Emalcsa como solicitante, conseguiu, coa súa novidosa proposta, un cofinanciamento dun 80% dos fondos FEDER, para un total de 11,5 millóns de euros. O proxecto deseñouse en dúas fases, a primeira fase, adxudicada en abril do ano pasado á UTE formada por Altia, Ilux, Indra e R, consistiu no deseño e posta en marcha da plataforma tecnolóxica, á que se chama o cerebro da cidade.
Dos 14 proxectos pilotos, 10 están en fase de execución: o piloto de párking intelixente, eventos multicanles, sistema de calidade de augas e alerta temperá, telexestión de contadores, telexestión de redes de abastecemento, eficiencia enerxética en edificios municipais, rego intelixente, sistema de visitas guiadas, administración electrónica e sistema de calidade de aire e ruído. A estes dous hai que sumar os dous proxectos que están a punto de adxudicarse: o de mellora enerxética na ETAP da Telva e un sistema de optimización do tráfico. Os 14 proxectos piloto completaranse cos dous que acaban de saír a licitación: o de interacción cidadá e o BIO.
Dende a súa posta en marcha, o proxecto recibiu importantes recoñecementos como o de Mejor iniciativa dunha administración por parte dos Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia; pero tamén por parte do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o recoñecemento da Fundación Lintel; a declaración como Cidade da Ciencia e a Innovación; ser elixida 1 das 6 finalistas de entre as 200 iniciativas presentadas, na categoría de proxectos dos World Smart Cities Awards, consolidando A Coruña como unha cidade referente do noroeste español; ou máis recentemente, Mención de Honra á mellor Compra Pública Innovadora 2014 por parte da Comisión Europea que recoñece os procesos de contratación e compra de servizos e produtos máis innovadores de Europa. A Coruña foi a única cidade española que chegou á final.